Festa popular pola Regularización Extraordinaria de migrantes
O pasado 16 de abril iniciouse o proceso de Regularización Extraordinaria das persoas estranxeiras no Estado español. En base aos acordos da CGT e o profundo compromiso deste sindicato coa defensa e reparación dos dereitos das persoas migrantes, o Sindicato de Oficios Varios de Vigo decidiu constituírse como punto de información e tramitación de balde de solicitudes en colaboración con SOS Racismo Galicia.
Desde entón, e ata o día de hoxe, xestionamos preto de 300 solicitudes das que estamos empezando a recibir as primeiras admisións a trámite.
Valoramos moi positivamente a oportunidade que se lle ofreceu a todas estas persoas, compañeiras, traballadoras, de recuperar a dignidade que a actual Lei de Estranxeiría nega a diario ás persoas estranxeiras. Porén, non podemos obviar as razóns últimas que levaron a este goberno a aprobar esta medida, nin tampouco as trabas, o atoamento e as dificultades que o propio goberno está a impoñer.
A piques de rematar o prazo para a presentación de solicitudes (30/06/2026) queremos e debemos realizar un balance sobre o desenvolvemento de todo este proceso, así como transmitir, tanto o agradecemento aos colectivos e persoas que colaboraron durante o mesmo, como a denuncia sobre o papel no que se colocou a administración pública e as grandes ONGs, que reciben inxentes cantidades de diñeiro público por traballar coas compañeiras migrantes e neste contexto decidiron non poñerse no lugar correcto da historia.
Para iso convidamos a toda a cidadanía ao acto que organizaremos o vindeiro día 4 de xullo a partir das 12:30 na praza contigua ao noso local na rúa Teixugueiras nº 24 de Vigo. Comezaremos cunha rolda de prensa para continuar cun xantar comunitario, no que cada persoa levará algo para compartir, e música en directo, para atoparnos e celebrar con todas as persoas que participaron neste proceso, e todas aquelas que queiran acompañarnos.
XUSTIZA E REPARACIÓN